quinta-feira, 12 de novembro de 2009

O erro de Pontus Veteris


Aquel a quen se lle ocorreu que Pontus Veteris puidese ser o étimo latino do topónimo galego Pontevedra, non tiña de latinista tan sequera o leve verniz de quen estudase esa materia durante dous cursos do bacharelato de mediados do século XX. O egrexio latinista, cando deu a luz a súa brillante idea, nin sequera lembraba –se algunha vez o soubo- que o vocábulo latino PONTUS, un helenismo tomado do grego πóντος, é un sinónimo poético de MARE "mar". Isto quere dicir que PONTUS nada ten que ver, como semella supoñer, coa historia do substantivo galego ponte, castelán puente, francés pont, etc. Tamén non debe -ou debía- el saber que PONTUS, cando usado como nome propio, é a graza dunha rexión da Asia Menor situada na ribeira meridional do mar interior coñecido tamén como PONTUS simplemente, outras veces como PONTUS EUXINUS, o que nós chamamos hoxe en día Mar Negro.

Outro dato importante ignoraba, porque nunca o soubera ou xa o esquecera: que o vocábulo galego ponte e os seus conxéneres nas linguas románicas derivan do substantivo latino PONS, que por suposto nada ten que ver con PONTUS. Tamén esquecera ou nunca soubo que PONS e PONTUS son os nominativos dos seus correspondentes lexemas, que revestían tamén outras formas ou casos, dos que o máis importante na historia da lingua resultou ser o acusativo, de fasquía tan distinta entre un vocábulo e o outro: o de PONS era PONTEM e o de PONTUS, PONTUM. Ignoraba asemade ou esquecera que os nomes e adxectivos patrimoniais das linguas románicas proveñen en xeral das formas de acusativo e que no paso do latín ao romance o latín PONTEM perdeu o –M final moi cedo, xa no latín vulgar, e así pasou tal cal ao galego ponte, mentres que o latín PONTUM tería de dar ponto, que non existe como voz patrimonial en galego, nin en castelán, aínda que se recuperou como neoloxismo co significado “mar”, precisamente.

Outras ignorancias evidencia, a maiores, o invento de Pontus Veteris como suposto étimo da voz Pontevedra. Esta vez atinxen á palabra Veteris. El sabía, ata aí debía chegar, que en latín hai unha clase de adxectivos cuxa forma do nominativo masculino e feminino remata en –IS, por exemplo, LEVIS, GRAVIS, HABILIS… Por analoxía debeu supoñer que VETERIS era unha forma de nominativo; polo que non tivo receo nin dificultade en achegala ao substantivo PONTUS, coidando cumprir así a lei da concordancia en xénero, número e caso entre un substantivo e o adxectivo que o modifica. Ignoraba ou xa non lembraba que VETERIS é a forma do xenitivo singular correspondente ao adxectivo cuxa forma de nominativo é VETUS, tendo para o acusativo singular masculino e feminino a forma VETEREM.

Semella evidente que o bo do home discorreu o seu invento a partir da asunción de que na súa orixe o étimo de Pontevedra era totalmente transparente no seu significado, sendo este o de “ponte vella”. Desde aquí achou a secuencia do substantivo e adxectivo que segundo o seu saber e entender realizaban tal significado. Se soubese un pouqueniño máis, só un pouqueniño, ocorreríaselle a secuencia PONS VETUS. Se despois aínda soubese un pouquechiño máis, decataríase de que é totalmente imposíbel chegar desde PONS VETUS a Pontevedra, xa que é enorme a diferencia formal desde o punto de vista fonético. Se por riba soubese un pouquiño máis, entón pensaría na forma de acusativo desa frase nominal, é dicir, en PONTEM VETEREM. Cun pouco máis que soubese, chegaría a imaxinar unha forma PONTE VETERE e desde aquí abocaría a supoñer unha forma romance ou quizais xa galega *Pontevedre. Desta forma suposta ata a forma actual, e xa medieval, Pontevedra, o cambio é mínimo e ben doado de explicar; sabendo que a voz ponte pasou a operar en galego como feminina, se para os falantes a significación do topónimo era transparente, a substitución de –e por –a non ten dificultade.

Ata aquí o noso discorrer sobre o erro e insensatez de pensar en Pontus Veteris como se puidese ter algo que ver coa etimoloxía do topónimo Pontevedra. A secuencia non é gramatical en latín, para empezar. Se o for, significaría algo así como “mar de Vedre(s)”, poñamos por caso. Por evolución, de tal secuencia tería de saír unha forma *Pontosvedres. A nosa tese aínda non é a que se pode supoñer polo exposto no parágrafo precedente. Pode sospeitarse que tras a forma medieval Pontevedra haxa uns precedentes menos claros do que se supón ao postular o latín vulgar *Pontevetere ou *Ponte Vetere como o seu étimo. Se cadra, voltaremos aquí algún día a considerar o tema.

segunda-feira, 9 de novembro de 2009

Pontus Veteris, dicides?

Pontus Veteris está a ser popularmente considerado como o étimo latino do topónimo Pontevedra. En realidade, trátase dunha creación insensata ocorrida hai menos de tres décadas e debida a un pésimo latinista e peor romanista. Porén tivo un éxito inmenso. Comezou por lle dar nome a unha pasarela de moda que se celebra cada ano na vila de Pontevedra. A partir de aí outras iniciativas aproveitaron o suposto étimo para se bautizaren: hai un hotel Pontus Veteris, hai unha empresa inmobiliaria denominada Veteris, unha asociación ciclomotorista chámase Pontus Veteris, e mesmo houbo quen escolleu tal secuencia fonética para nomear un blogue de seu... Máis aínda, o mundo da creación cultural de elite déixase levar e acolle tal cadea de letras para titular as súas producións. Velaquí unha mostra: