quarta-feira, 21 de setembro de 2011

Políticos. Ruíns e porén necesarios


Non sei que me dá chamarlles ruíns aos políticos; e ás políticas, que non as esquezo.

Se foren ruíns, non o son principalmente polo oficio. Sono máis ben polo xorne individual de cada unha das súas persoas. Cuestión de valores, das súas actitudes ante a vida e o mundo.

De ética, nunha palabra.

O caso é que os homes e mulleres dedicados profesionalmente á acción política, non teñen dun tempo para acá moi boa sona, senón máis ben todo o contrario.

Acabo de escoitar pola radio que un dos políticos peor valorados pola opinión pública española ao longo dos últimos anos, case unha década, está a piques de acceder a un alto cargo de autoridade no Estado español. E así é ou así parece que vai ser!

Hai uns anos falaban entre si dous amigos meus referíndose ao irmán dun deles. Preguntáballe un ao outro se seu irmán seguía metido en política. Respondíalle o outro que así era por desgraza. Asentía o primeiro, dándolle a razón.

-Non a tendes –intervín eu–; cando menos, non vola podo dar de primeiras. Podedes tela no caso concreto de que falades. Agora ben, respondédeme a unha cuestión. Temos necesidade do labor que fan os políticos, si ou non? Coidades que sería mellor prescindir deles, acabar con eles?

Non me responderon. Coido que os fixen pensar. Ou non, ide vós saber.

Quero dicir, quixen dicirlles e aséntoo aquí e agora, que é bo que haxa políticos, por ruíns que eles foren.

Se non os houber, quen dirixiría a administración dos bens públicos? Ou seica tamén estes terían de ser eliminados, xuntamente cos políticos?

Daquela, en que mans estarían os nosos destinos colectivos, nos dos grandes propietarios? Nos dos ricos, claro está!

E volveriamos, logo, aos señoríos medievais? Ou ás monarquías absolutas do antigo réxime? Aínda así, estes señores ou monarcas tardarían moito en buscar os seus vilicos, os seus privados, os seus ministros -políticos á fin e ao cabo- que nos fixeren pasar polo aro?

Decididamente, é preferíbel escoller entre a rapa e a rebola antes de que o amo nos dea na testa coa rapa ou coa rebola. Dicían os nosos vellos: “Entre a rapa e a rebola, veña o demo e escolla”. Digamos por contra nós: “Entre a rapa, a rebola e o demo, escollamos entre todos, aínda que o fagamos mal; e ninguén escolla por nós, xa que da función que eles fan non podemos prescindir.”

Que lle imos facer? Se non hai nada mellor, acollerémonos ao menos ruín.

De por parte, non todos os políticos son iguais. Aínda quedan por aí bastantes non ruíns, non malvados. Non son tampouco os menos numerosos. Quizais sexan, certo, os menos poderosos.

É iluso propoñer que optemos por eles, aínda que saibamos que non van ter moita influencia?

Porén, poderán temperar a política dominante ou polo menos oporlle certa resistencia.

Para que non nos envolva ou esmague a ruindade política imperante!