segunda-feira, 30 de abril de 2012

PAZ-ANDRADE ANTE O DÍA DAS LETRAS

Valentín Paz-Andrade, lerezán e pontevedrés de orixe, é o personaxe homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012. Achegándose xa o Día, copio en encolo aquí este meu contributo á súa celebración. O texto foi preparado para se publicar no número 177 da revista Encrucillada. Aínda non recibín a revista na súa versión impresa; porén estou vendo que non se recolle nin sequera o título no web da mesma. Polo si ou polo non, aquí encolo o artigo. Velaí:


UNHAS SONDAXES EN VALENTÍN PAZ ANDRADE

Por Xesús Portas Ferro

            A figura de Valentín Paz Andrade (1898-1987) é tan complexa, que se fai imposíbel neste espazo un tratamento axeitado das facetas e angueiras da súa longa vida. Enxergalas na súa extensión, sequera todas as  importantes, levaríanos a incorrer en superficialidade. Así é que determinei escolmar unhas poucas para nelas detérmonos cun pouco máis vagar. O lector poderá moi doadamente achar allures aqueloutra información que máis lle interesar.

            O HOME

             O moinante de Lérez
            Conversándomos unha vez sobre Paz Andrade, contábame Engracia Vidal que tiña ouvido falar de don Valentín como “o moinante de Lérez”. Sospeitei que o alcume tería un senso negativo. Consulteino con Xosé Álvarez Castro, profesor de historia veciño de Lérez, e non me confirmou a sospeita. Fíxome notar que, como Lérez levaba a sona de ter unha abondosa colonia de moinantes, non lle estrañaba que a un lerezán os que non o eran lle puxesen, máis ben en broma, un alcume así.
            De alí a pouco, lendo a biografía de Castelao escrita por Paz Andrade (Castelao, p. 430), vin confirmada a hipótese de Pepe Álvarez. A don Valentín non lle despracía o alcuño de moinante. Poida que o propio Castelao llo puxese, de maneira semellante a como –cóntao tamén Paz Andrade– lle puxo “Cañoto” a Núñez Búa no xantar galeguista da Barxa, en 1930.
            Ao conto! Vivindo en Estados Unidos, Castelao  viaxou a Cuba para unha estadía duns tres meses na illa. Certo día uns amigos fórono buscar ao hotel da Habana onde paraba, e achárono enviso deitado por riba da cama. Preguntado por un deles: “En que matinas?”, respondeu:
            –Pois mirade, andaba a soñar con Vigo. Ou, máis ben, en cando vivía en Pontevedra e ía á estación a despedir ao moinante de máis vontade do mundo, cando marchaba para Vigo.
            E aclara entre parénteses: “Referíase ao autor deste libro”. Da anécdota  soubo Paz Andrade por unha carta do rianxeiro, en novembro do 39, desde Nova Iork a Rodolfo Prada, en Buenos Aires.
            Lérez soa aínda hoxe como terra de carteiristas. Cunha sorna especial, trazo que don Valentín considera, asemade coa lingua, un dos máis característicos do galego adulto (Imaxe, pp. 47 e ss.), contaba que da derradeira vez que estivo preso, en 1957, emprazaba os carteiristas encarcerados canda el a que lle roubasen a carteira. Estes, despois de o intentaren en van, remataban dicíndolle: “Mire, con vostede non se pode… porque é de Lérez” (A memoria, p. 267).

            Os de Paz e os Andrade
            Alfonso Paz-Andrade Rodríguez, escribindo hai uns anos sobre a vida de seu pai, fala de dous tíos deste que exerceron sobre el decisiva influencia: o tío materno Juan Bautista Andrade, poeta, introduciríao no tocante á literatura; un tío paterno, Roque Paz, encamiñaríao nos aspectos social e político. De Roque Paz escribe que era “republicano convicto e confeso, persoa afable, de trato aberto e plural que o levaba a se relacionar con xentes de toda índole: políticos, comerciantes acomodados e de influencia, moinantes e, se cadraba, coa mesmísima Pepa a Loba, coñecida xefa dunha banda de bandoleiros que cabalgaba polos montes da provincia.” E prosegue: “Do primeiro herdou a paixón polas letras e o periodismo, do segundo o compromiso coa sociedade” (O alento, p. 215).
            Supoño que Alfonso Paz-Andrade mesturaría referencias que escoitara de neno. Nas conversas con Tucho Calvo, o relativo a Pepa a Loba  e á facilidade de entendemento con todo tipo de persoas refíreo don Valentín ao seu avó por parte de pai. Érallo don Manuel Paz Torres, o da casa do Cristo, no lugar lerezán da Santiña, case estremeira co barrio do Burgo Pequeno. O neto apenas o coñeceu e pouco máis del lembra ca o espectáculo da condución do seu cadaleito –di Valentín que ocorrería tendo el aínda non cinco anos. Foi este Manuel Paz o patrucio dunha familia podente na zona do Burgo e metade sur da parroquia de Lérez, propietarios de valiosos predios urbanos e rústicos deica casemente o día de hoxe. Roque Paz non debeu de existir. Don Valentín cóntalle a Tucho Calvo que un tío político seu chamado Roque Rodríguez Castro interveu –á xunta con Francisco Paz, seu pai, e con Juan Bautista Andrade–  a prol de matriculalo en Dereito, e non en Medicina como pretendían, falecida moi nova súa nai, as demais mulleres da parentela. Pepe Álvarez faime saber que un tal Roque, pertencente a esta familia, foi tido polos agrarios como un cacique.
            Semella máis prezada aínda, para don Valentín, a influencia dos seus ascendentes por parte da nai. Co avó materno conviviu máis preto e máis tempo. Érallo don Manuel Andrade Carlín, pequeno fidalgo oriúndo de Brandomés (Brandariz, Vila de Cruces), onde posuía un pazo coidado por caseiros. Foi home “pacífico e sentencioso”, recolle Tucho Calvo. Maior “arrufo” tiña a avoa Rosario, sobriña do derradeiro prior do mosteiro bieito de Lérez e primeiro párroco tras a exclaustración, frei Juan Arribas. Deste conta que loitara na terceira guerra carlista e que deixou en herdanza á familia as armas que nela usara.
            Tanto súa nai Matilde coma Juan Bautista, irmán dela, naceran e criáranse no antigo mosteiro, casa reitoral xa daquela.  En cambio, Valentín e mais súas irmás naceron xa no lugar do Socorro, que estrema polo norte co da Santiña. Alí o crego Arribas erguera dúas casas xemelgas adheridas, a onde se retirou e morreu. Nunha vivía a familia Paz Andrade e na outra, o tío Juan Bautista, casado coa mestra de Lérez que lle ensinará as primeiras letras ao cativo do sobriño.
            Foi Juan Bautista Andrade poeta en castelán, ben prezado no seu tempo. A súa poesía e a de Amado Carballo teñen puntos de contacto. Deuse un bo entendemento entre el a Castelao e a especial amizade entre Paz Andrade e o rianxeiro seica arraigou a través do tío poeta. O sobriño, que o caracteriza como seguidor de Alfredo Brañas e nacionalista democristián, confesa que lle debe “o sortilexio das letras e a paixón por Galiza” (A memoria, p. 19).

            Con Deus e co demo
            Conta Paz Andrade que, despedíndose unha vez dun labrego seareiro do seu bufete porque estaba a piques de iniciar unha das súas delongadas viaxes por América, vai e dille o paisano:
            -Pois logo, xa que para tan lonxe se encamiña, que Deus lle dea a súa compaña. E mailo demo, pois é ben certo que un sin o outro non se apañan (A galecidade, p. 156).
            Paz Andrade anda a identificar nas obras do novelista brasileiro Guimarães Rosa restroballos da lingua e  ethos galegos, conservados no interior do Brasil. Un pouco máis enriba do parágrafo citado, quén sabe se referíndose aos personaxes das novelas rosianas ou á idiosincrasia do pobo galego –se cadra, testemuñando máis ben a propia experiencia–, escribía: “Agora, aínda que sexa de esguello, cómpre botar unha ollada ao demo. Mentras Deus impón pacificamente súa lei, non pasa outro tanto coa contrafigura. Ao primeiro acátase, reverénciase, adóurase… Co segundo un esguéirase, loita ou chega a un pauto... Mais sempre a dicotomía asim trabada anda a presidir a procisión dos nosos días” (A galecidade, pp. 155-156).
            Non é o caso de nos determos moito espazo a considerar a relixiosidade do cidadán Valentín Paz Andrade, xa que a outra parte enxergamos. Porén algo diremos da súa relixiosidade.
            Tratándose dun home que se definiu claramente como liberal e republicano, nalgún momento puido sentir certa desafección verbo das crenzas e prácticas relixiosas da familia. Semella, porén, que non a levou nunca a cabo, senón que con maior ou menor adhesión se mantivo na fe recibida. Na súa correspondencia epistolar recorre por veces a fórmulas feitas como “grazas a Deus”. Este seu Deus era un Deus galeguista; segundo lemos nunha carta de xuño de 1977 ao P. Isorna, forman parte da divina compaña Castelao e mais Otero e Rosalía: “Deus fixo o demais. Deus e aquela constelación que vai de Rosalía a Ramón Otero, con Castelao no meio, e que desde o Ceo vela por nós, como esteos da Galiza que eles ensoñaron” (Epistolario, p. 206).
            Referíndose á reacción de Castelao tras a escisión da Dereita Galeguista por obra de Filgueira Valverde e outros cristiáns do PG pontevedrés, Paz Andrade remarca, coma quen as compartise, estas razóns do rianxeiro: “Quixera demostrar que un galeguista verdadeiramente cristián non ten por que arredarse do noso Partido, nin para preservar o cristianismo da súa Terra, nin para salvar a súa propia alma” (Castelao, p. 347). Dun xeito semellante, é dicir, nun ton de aprobación, refire que, ao que Castelao se instalou, en Buenos Aires, no apartamento da rúa Belgrano que lle buscaran os amigos, fixo substituír o crucifixo convencional que encontrou no dormitorio, por un cadro no que unha imaxe sedente de Cristo glorioso enchía, á maneira dunha miniatura, a primeira letra románica destes versos de Cabanillas (Castelao, pp. 446-447):
                        Bendecide, Señor, nosa Terra e noso fogar
                        e mantede por sempre encendida
                        a fogueira do espírito na vida
                        e a fogueira do lume no lar.
            Porén Osorio Tafall, cando conta que, a petición de Valentín e máis ben por compromiso, conseguiu a través doutros unha audiencia con Pío XII para aquel e a súa dona Pilar, dá e entender que o interese e mais o entusiasmo co que volveron, foron cousa sobre todo de Pilar e que só ela rezou aquel día (Homenaxe, p. 17).

            A arte da negociación e o entendemento
            Boa falta lles fixo a axuda de Deus e a de moitas persoas. Que unhas veces acadaron e outras lles faltou. Contra a fin da súa vida seica don Valentín se queixaba –cóntao Osorio Tafall (Homenaxe, p. 18)– de que, tras o levantamento militar do 36, moitos dos que lle debían favores e amizade, o deixaran illado. O certo é que Paz Andrade antes, entón e despois soubo bandearse entre os “outros” con máis sorte ca desventura.
            Para iso non dubidaba en acudir a quen for. Así, nos primeiros días do levantamento valeuse dun seu amigo e seareiro, nomeado polo novo réxime alcalde de Salvaterra, para pasar a Ramón Martínez López a Portugal. Así, anos despois, faltando poucos días para unha viaxe de traballo a América e vendo que no goberno civil lle estaban denegando o visado, recorreu directamente ao ministro Solís Ruiz con inmediatos resultados satisfactorios.
            Seica tiña unha arte especial para o trato con persoas de diferentes posicións políticas e ideolóxicas, máis ou menos afastadas das súas. El, de por parte, tendía a procurar a integración das diferenzas. Nesa capacidade e valentía deberon de reparar os que na transición do réxime franquista á democracia o escolleron para os representar en diversos organismos e plataformas, incluída a candidatura ás cortes constituíntes ou a Comisión dos Dez representantes da oposición para negociar con Adolfo Suárez certas liñas do proceso de transición.
            Da referida arte viña dando amosas desde moi novo. Ao que lle suspenden o xornal Galicia durante a ditadura de Primo de Rivera, ás poucas horas colle o tren e xa en Madrid, canda dous amigos partidarios do réxime, preséntase diante do propio ministro de gobernación, o xeneral Martínez Anido. Consegue no momento que este ordene ao gobernador civil deixar sen efecto a orde de suspensión. Pouco lle había de servir, así e todo, tal revogación.
            Toca moi próxima ao noso tema a estreitísima relación que mantivo con Portela Valladares. Paz Andrade houbo de acadar a acta de deputado para as constituíntes da República, a carón de Castelao; por certa xogada do Partido Radical non a acadou. Ás eleccións de febreiro do 36 presentouse dentro da candidatura de Portela Valladares, unha opción de centrodereita, des que os galeguistas lograran meter un só nome, o de Castelao, na coalición esquerdista da Fronte Popular. Na biografía de Castelao non se refire para nada a este episodio; si constata os votos cos que saíron elixidos Castelao e Portela. El quedou outra vez sen acta. Nas conversas con Tucho Calvo esténdese abondo sobre o caso (A memoria, pp. 119-120). Di que lle pediu consello a Castelao e que este llo aprobou. Non por iso se afastou do PG; mais, coidando inconveniente asistir á V Asemblea Nacionalista, que se celebrou daquela, confioulle a Afonso Daniel o difícil papel de explicar aos irmáns o acordo ao que entrambos chegaran. Seica, ao que comezou a explicación, Castelao rompeu a chorar e xa non puido seguir, senón que contaxiou aos demais o seu desacougo.
            Debeu de ter fondura a súa relación con Portela Valladares. É o que deita da frecuencia e o teor da correspondencia epistolar entre ambos, sostida deica a morte do ex ministro (Epistolario, passim). Na biografía de Castelao, o biógrafo leva o lector a prezar grandemente El Pueblo gallego, que, a partir de 1927, cando Portela o tomou nas mans, acollera moitas plumas de orientación galeguista que primeiro escribiran no Galicia. De por parte, as aproximacións de Portela ao galeguismo son salientadas nese mesmo libro con ocasión e sen ela: participación no pacto de Barrantes, asistencia á recepción dos deputados galeguistas pola Generalitat de Cataluña, compromiso afouto co Estatuto do 36…
            Máis un caso de bo entendemento de Paz Andrade cos representantes doutras opcións é a amizade que o ligou a Bibiano Fernández Osorio Tafall, significado militante da ORGA e de Izquierda Republicana, abondo distante do galeguismo; segundo confesión deste, toda a vida habían manter entre eles frutíferas discusións referentes ás súas diferenzas de visión política. Con Osorio Tafall mantivo adoito correspondencia e encontros. Foi este quen o puxo no camiño de se facer especialista nos problemas da economía da pesca, des que o convidou a participar como profesor nos cursos de capacitación pesqueira que organizaba sendo director rexional da FAO para América Latina.
           
            DÚAS ANGUEIRAS SOCIOPOLÍTICAS

            O xornal Galicia
            En 2003 a sección de comunicación do Consello da Cultura Galega realizou un xeitoso estudo deste periódico. No limiar do libro que sobre el publicaron, Xosé López García, coordinador do equipo, resume así o seu sentido: “O xornal Galicia non só constituíu un dos medios máis modernos do seu tempo, senón un dos máis reivindicativos, feito que implicou non poucos problemas para os seus responsables, pero que foi un dos chanzos ascendidos cara ás liberdades de prensa e expresión, tal como as coñecemos na actualidade” (O alento, p. 5). E máis embaixo, introducindo a análise critica do xornal, asina con Rosa Aneiros Díaz estoutro xuízo: “O seu nacemento supuxo un paso adiante no proxecto de modernidade que o galeguismo defendía nun momento en que a maioría dos medios de comunicación existentes apenas realizaban achegas de innovación xornalística” (o.c., p. 71). Galicia. Diario de Vigo converteuse de contado no terceiro en difusión entre os moitos xornais que se editaban en Galicia, a pouca distancia tras o Faro e La Voz.
            Valentín Paz Andrade dera moi cedo os primeiros pasos no xornalismo. Estudando en Santiago, colaboraba xa en distintos periódicos. Desde África, onde estivo mobilizado pouco despois de acabar Dereito, enviaba crónicas da vida na milicia. Ávolta, viviu un tempo na Coruña. Alí, na dirección de El Noroeste, xurdiu a idea de fundar en Vigo un xornal semellante e Paz Andrade ía ser o redactor xefe. En realidade, pasou a ser o director desde o segundo número, por dimisión da persoa en quen se pensara para o cargo. O xornal saíu por primeira vez á rúa o 25 de xullo do ano 1922 e Valentín non tiña máis ca vinte e catro. A competencia recibiu o Galicia como “ese periódico dirigido por un menor de edad” (Castelao, pp. 209).
            Porén o invento foi avante e tirou moi ben. O director e o seu equipo, ao que pertencían Roberto Blanco Torres e o redactor xefe Manuel Lustres Rivas, sabían ben o que querían. Independencia, liberalismo e galeguismo eran os principios inspiradores do seu labor. Desde o primeiro editorial estableceuse como un dos principais obxectivos o de crear e potenciar a vida espiritual de Galicia. De por parte, prometía converterse nun medio imparcial e sereno, aberto ás terras unidas á nosa por vencellos de natureza e  civilización –España e Europa– e polos de sangue e alma –Portugal e América. Outros elementos formais e de contido facíano senlleiro. Os demais xornais de Galicia saían sen editorial; entre os españois soamente o introducira El Sol, xornal liberal de Madrid. Editorial, caricatura e artigo humorístico eran elementos que non debían faltar en cada número.
            Castelao e Juan Bautista Andrade abriron a nómina de colaboradores asiduos do xornal; aquel, coas súas caricaturas, cousas e retrincos; este, coas súas prosas poéticas. O amplo elenco de colaboradores incluíu as mellores plumas galegas, especialmente as máis significadas dentro do galeguismo. Aínda que escrito maioritariamente en castelán, acolleu colaboracións en galego: as de Castelao, as “lerias” de Vicente Risco e os poemas e prosas de diversos autores coma Otero Pedrayo e mais Ramón Cabanillas, quen durante unha tempada exerceu asemade como administrador do xornal.
            A cousa, como adiantamos, non rematou ben. A irrupción da ditadura en 1923 e a independencia editorial do medio verbo dos valedores daquela foron as causas do comezo do declive. A censura case non os deixaba traballar. A revogación da suspensión gobernativa de 1925 permitiu que o esmorecemento transcorrese máis a modo; mais o pechamento chegou por inanición económica, interpostos asemade serios conflitos co persoal empregado, en 1926.
            Porén Valentín Paz Andrade non remata aquí o seu labor no xornalismo. Desde principios dos 40 deica o solpor dos seus días, dirixirá a revista Industrias pesqueras. De por parte, colaborará arreo en distintas publicacións periódicas, non só galegas, senón tamén de ámbito español e mesmo americano. A simple relación das súas “colaboracións, artigos, reseñas e participacións en obras colectivas” preparada por Charo Portela Yáñez para a bibliografía introdutoria ao Epistolario ocupa nada menos que once páxinas (o. c., pp. 47-57).

            A militancia galeguista
            Tamén é temperá a militancia galeguista de Paz Andrade. Asistiu á II Asemblea Nacionalista (1919) en Santiago. Ao remate organizouse un mitin tendente á extensión da idea entre os escolares universitarios. Destes, el e mais Eugenio Montes foron os elixidos para falar no acto. O seu froito foi a creación inmediata do Grupo Autonomista Universitario, con Paz Andrade como presidente.
            Tras a fin da ditadura de Primo de Rivera, celébrase a IV Asemblea Nacionalista (1930) na Coruña. Aquí tómase, entre outras resolucións, a de promover a constitución dun partido á parte das Irmandades da Fala, unha vez desbotada como saída máis oportuna a tendencia, encetada por algúns membros notábeis destas, a militar politicamente na ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma). Secundando a nova liña de acción, Paz Andrade asumiu un rol dianteiro ao crear na cidade de Vigo o Grupo Autonomista Galego, promotor principal dos actos centrais do Día de Galicia daquel ano, o primeiro que se celebraba desde 1923. Reuníronse en Vigo os persoeiros das organizacións de filiación galeguista da provincia de Pontevedra e mais algúns de fóra, coma Otero Pedrayo e Cuevillas. Pola mañá un gran mitin presidido por Cabanillas encheu o teatro García Barbón. Como oradores interviñeron Otero, Castelao e Paz Andrade.  Ramón Piñeiro, andando o tempo, ponderará moi positivamente a intervención deste e cualificará o acto como “a manifestación máis xurdia do renacer galeguista daquel tempo” (Homenaxe, p. 91). Á tarde foi o xantar da Barxa, inmortalizado polo inspirado poema, auténtico credo do galeguismo, que nel recitou Cabanillas.
            Foi Valentín Paz Andrade un afervoado orador político. El mesmo se gaba de apurrar en Castelao tanto a se presentar ás eleccións para deputado das constituíntes (1931) como a vencer o seu receo a falar nos mitins. Un a carón do outro fixeron animadísima campaña electoral por todo o territorio provincial, falando ao pobo nos adros e nos eirados, ao aire libre.
            Tras as eleccións, uníronse as distintas organizacións locais e constituíron o Partido Galeguista, do que Castelao foi nomeado secretario político. Co chamado Bienio Negro  producíronse os traslados forzosos de Castelao e do secretario de organización Bóveda, funcionarios públicos ambos, fóra de Galicia (1934). Desde Badalloz Castelao escribiu a Valentín propóndolle que asumise temporalmente o desempeño da secretaría política. Teño lido en moitas partes que Paz Andrade aceptou e cumpriu o encargo. Non tal. Respondeulle por carta que non podía nin debía. Castelao escribiulle de volta facéndolle saber que, aínda que non a entendía ben, aceptaba a escusa e que xa lle escribira a Antón Vilar Ponte para que o substituíse el (Epistolario, pp. 80-81 e 257).
            Do ocorrido na V Asemblea Nacionalista, tocante á súa inclusión na candidatura de Portela Valladares, abondo fica dito enriba. Isto afrouxou a súa actividade na organización. Ramón Piñeiro entende que daquela causou baixa no partido; Paz Andrade afirma o contrario. Desde unha posición derradeira participou na campaña a prol da aprobación do Estatuto de Autonomía, votado o 28 de xuño do 36, na que tamén se implicaron decididamente Portela Valladares e El Pueblo Gallego. Escribirá anos despois Paz Andrade: “As forzas políticas galegas deron un exemplo de visión e solidariedade, no que aínda se non chegou a recuncar” (Castelao, p. 363).
            Nos meses seguintes ao estalar da guerra, o home político tivo abondo con protexerse e protexer a outros da cadea ou da morte, ás veces con suceso e ás veces en van, como aconteceu cos seus intentos de evitar a execución de Alexandre Bóveda. De alí a pouco chegoulle o desterro en distintas localidades da provincia de Ourense desde setembro do 36 a decembro do 37.
            Tras a constitución do Consello de Galiza en Montevideo (1944), Castelao escribiu senllas cartas de idéntico teor a Otero Pedrayo e a Paz Andrade: tentaba de buscar persoas que se organizasen para apoiar no “interior” a estratexia que se planeaba no exilio. As cartas chegaron aos seus destinatarios de man en man, último elo as de Ramón Piñeiro. A Valentín entregoulle a súa no Hotel Gran Vía de Madrid. A Otero levoulla persoalmente a Ourense e asistiu á lectura. Salienta o recadeiro que don Ramón se emocionou grandemente mentres a lía. Finado Paz Andrade, Piñeiro contou o caso como un sinal de que “Castelao no exilio conservaba a confianza política en Valentín” (Homenaxe, p. 91). A carta achéganola este, comentada, na súa biografía de Castelao (Castelao, pp. 454-456).
            Non eran tempos para arriscarse abertamente a unha acción política contra as forzas imperantes. A acción cultural semelloulle unha liña máis eficaz e prudente á maioría dos que estaban dispostos a facer algo, algúns xa abondo escarmentados de probaren outra cousa. Logo ocorreu o pasamento de Castelao (1950). Despois de que Otero Pedrayo o fose ver (1947), Paz Andrade prometeu e proxectou facerlle unha visita;  mais non chegou a tempo.
            Este, cadrando coas súas viaxes e estadías  en América desde a ano 1950 en diante, unhas veces como técnico da FAO e outras expresamente convidado polos galegos no exterior, estableceu unha densa rede de relacións cos nosos exiliados e emigrados naquelas repúblicas. Coma se quixese suplir a falta do finado Daniel. Con moitos deles mantivo abondosa correspondencia.
            Durante unha desas ausencias, reuníronse os futuros fundadores da editorial Galaxia. Aínda que lle ían editar Sementeira do vento, semella que Paz Andrade sentiu sempre certo receo ante este grupo e a súa actividade. Poida que fose porque apenas contaron con el: a Tucho Calvo queixóuselle de que só se lembraban del para lle pedir cartos. Poida que fose porque asemade disentía bastante da liña que seguían; parecíalle pouco a busca da recuperación de Galicia co tratamento de temas literarios e filosóficos –o moi barallado culturalismo ou, como el dicía, o lirismo–, preterindo a contribución esencial das accións e os estudos socioeconómicos. Na súa correspondencia (cfr. Epistolario, pp. 125, 128, 138…)  lense breves críticas indirectas ao grupo e ao seu labor. Na autobiografía conversada é moito máis directo. Porén foron fluídas as súas relacións con Ramón Piñeiro, incluídas as epistolares, e mais con Fernández del Riego; con quen non debeu de se entender ben nin mal, foi con García-Sabell.
            A atención preferente ao eido socioeconómico foi unha teima permanente de Paz Andrade. Nunha carta a Núñez Búa matina en xustificar tal necesidade e a de lle sacrificar outras dedicacións, entre elas a creación literaria (Epistorlario, p. 179). Ao parecer, era tamén a liña preferida por un grupo importante de exiliados e emigrados, ou así o salienta Díaz Pardo (Homenaxe, pp. 53-56). Dentro do largo e heteroxéneo elenco da militancia galeguista, Paz Andrade formou na clase dos que, sen rexeitaren o pensamento nin as accións culturais ou directamente políticas, se comprometeron na teoría e na práctica –mesmo como empresarios– co desenvolvemento socioeconómico do país. Pódese, pois logo, encadrar no grupo de persoeiros do galeguismo onde caberían Enrique Peinador, Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo.
            Nas negociacións da transición á actual etapa democrática Paz Andrade tivo unha notábel intervención. Semella que chegou a se ilusionar bastante diante das perspectivas que se abrían. Finalmente experimentou unha inmensa decepción. A necesaria unión de todas as forzas democráticas galegas, incluída a reconstitución do Partido Galeguista, medios que el propugnou abertamente, resultaron imposíbeis. Cando finalmente se funde en Poio un raquítico PG, aínda que asista á convención, non se sumará.
            O seu obxectivo maior para Galicia, nesta altura coma outrora, pasaba por unha grande converxencia das mellores forzas e persoas de valer que, como se pretendera xa na convocatoria da II Asemblea Nacionalista (1919), aínda que non se sentisen  nacionalistas, visen claramente a necesidade da descentralización e dunha vigorosa actuación cidadá en procura da “redención espiritoal, política i económica” de Galicia (Castelao, p. 167). Porén, nin antes se lograra –e láiase expresamente da exclusión dos agrarios– nin finalmente na transición do franquismo á democracia, esta vez pola “teimosía da oposición en se presentar á loita (electoral) esmigallada” (A memoria, p. 423) e pola formación das listas da UCD con persoas irrelevantes ou recuperadas do réxime franquista.
           
            O ESCRITOR

            Obra abondosa e diversa
            O artigo periodístico breve, o ensaio curto integrado en obras colectivas, o tratado extenso sobre temas sociais e económicos, as conferencias pronunciadas en tribunas moi diferentes, a oratoria política e a xurídica. En todos estes xéneros foi abondosa a contribución de Valentín Paz Andrade dentro da cultura galega. Enriba quedan feitas referencias soltas a algunhas producións súas neses xéneros. Deterémonos un pouco máis nestoutros: o ensaio de crítica literaria e biobibliográfica e a creación lírica.
            En canto ao primeiro, son sobranceiros os libros nos que estuda as primicias da obra de Valle Inclán, os trazos de galeguidade na narrativa de Guimerães Rosa e, finalmente, a vida e a obra de Castelao. Maiormente este último, Castelao na luz e na sombra. Trátase dunha obra de grande alento. Achéganos nela o Castelao vivo e encadrado no discorrer da intrahistoria e no ambientes artístico, social e político que o rodearon. Outra dimensión da obra é a autobiográfica, como ben se decatou Filgueira (Homenaxe, p. 29).
            Segundo Ramón Piñeiro (Homenaxe, pp. 94-95), a necesidade de cubrir a falta dunha biografía completa de Castelao fora barallada nunha conversa entre Paz Andrade, Rafael Dieste, el mesmo e outros. Alguén apuntou que Dieste e Paz Andrade serían os máis indicados para a escribiren. Propúxoselle en firme e  Paz Andrade seica se escusou con  que era moi difícil e desatendeu a angueira. Mais ao cabo duns anos, remata Piñeiro, apareceu o libro.
            A cousa non debeu de ser tan así. En primeiro lugar, porque, aínda que a elaboración do libro ocorreu entre os anos 1980 e 1982, o proxecto concibírao Paz Andrade moito antes. En 1969 expúñalle o plan a Rodolfo Prada e pedíalle que, asemade con Núñez Búa, recadase en Buenos Aires o material para a obra (Epistolario, p. 198). De por parte, o mesmo Ramón Piñeiro foi sabedor da elaboración desde os inicios, quizais en marzo de 1980, cando se lle pide colaboración (Epistolario, p. 220). A sorpresa, se a houbo, sería polo resultado.

            A poesía
            Paz Andrade foi precoz en case todas as súas actividades. Home de acción ante todo –como remarcou Blanco Amor no prólogo a un dos seus libros (Anunciación, p. 8)–, tamén ao pensamento e á palabra acudiu como medios para a acción. Coma se, antes de Austin e da teoría dos actos de fala, comprendese que unha das funcións da linguaxe é a de ser un instrumento para a acción. Porén hai un uso da linguaxe onde, se cadra, a vertente pragmática é menos importante. Refírome á poesía. No referente á creación poética a actividade de Paz Andrade é ben serodia.
            De feito, hai que esperar a 1955 para, tras a publicación de Pranto matricial en Buenos Aires, probarmos as primicias do seu “robusto e sonoro estro épico” (Ferrín, p. 57). Trátase dun canto elexíaco á morte de Castelao, “solemne y bellísimo” a sabor de Blanco Amor (Anunciación, p. 9). Ao longo de seis poemas vai deitando o sentimento solidario do pobo, da terra e do mar, desde os galegos deica os de América, pola dobre ausencia de Daniel, na espera do seu retorno. Velaquí, como proba, un treito do titulado “Door da paisaxe” :

Das augas deloridas, doce pranto
que escorra pola faz das alboradas
deica a raís das herbas,
distilado na pinga dos orballos,
e dea seu latexo a noite e día
nas rezadoras choivas que soerguen
o canto-chao das tellas,
i o responso románico das gárgulas
sobor das pedras mortas de Sant Yago.
            A recepción foi moi boa, sobre todo entre os exiliados e emigrantes. Tal suceso houbo de o animar, pois xa desde 1956 irá compondo aos poucos varios poemas coa mesma combinación métrica de hendecasílabos e heptasílabos que usara no pranto. Esta combinación viña sendo empregada por Lorenzo Varela nalgún dos seus poemas máis célebres, coma “María Pita” ou “Compañeiros da miña xeración mortos ou asesiñados”.
            Neses mesmos anos Paz Andrade retoma e revisa parte dos versos que, cando o desterro na serra de Queixa, escribira para matar o tempo de vagar. Estoutros, cando non moi mudados, revelan unha maneira distinta de compoñer: usa sobre todo o octosílabo, aproxímase ao neopopularismo característico dalgúns poetas do 27 español e algunha vez ás fórmulas características de Amado Carballo e os seus imitadores. Tamén estoutras fórmulas serán aproveitadas por Paz Andrade para algúns dos poemas novos que escriba entre 1956 e 1967, como se pode ver na “Cantiga matinal de Samil”, cuxa primeira cobra é esta:
                                   Bañado na onda do mare
                                   e peneirado na brisa
                                   entre as palmas do mencer
                                   entrou en coiros o día.
            Núñez Búa, que mediara en Buenos Aires para a publicación do pranto, debeu de coñecer os novos poemas e encirrar no autor a publicar outra vez. Tal é o senso da carta de decembro de 1964 onde, desaprobándolle o escaso cultivo das súas capacidades para a creación literaria, o emprazaba a se emendar aínda que fose con mingua da prosa xurídica e a dos negocios (Cfr. Epistolario, p.178). Escusouse Paz Andrade coas adversas circunstancias do pasado, que tal cultivo impediran, e reafirmouse na necesidade de se entregar ás tarefas que o ocupaban. Porén á hora da verdade fixo o contrario. En 1966 Blanco Amor puido ler xa a maior parte dos poemas que ían formando Sementeira do vento (1968) e valoralos como “goterones maduros de una vida de alta condensación, (que) tienden a formar caudal y a correr juntos en el cauce de un libro” (Anunciación, p. 9). No libro inclúense, como  derradeira sección, os poemas de Pranto matricial. Ademais destes, contén algúns outros bastante logrados.
            Na década seguinte, a penúltima da vida do autor, este irá preparando a súa derradeira entrega lírica, Cen chaves de sombra (1979). A segunda sección, con nove composicións, vén sendo a principal do libro. As oito primeiras de tal sección, escritas todas en 1976, semellan compostas adrede para rememorar feitos notorios de morte e represión padecidos polos demócratas galegos na guerra civil. A terceira sección, “Romanceira de Casteligo”, está formada na maior parte por romances narrativos escritos en 1937, durante o desterro en terras ourensás, e traídos acá sen, ao que parece, importante revisión.  Con todo, ao meu entender, os mellores poemas están na primeira sección, introdutoria ao conxunto, e na cuarta e derradeira. Esta contén os oito poemas breves que compoñen a elexía pola morte de Otero Pedraio, titulada Agora eres canzón.  Velaquí o derradeiro:
                       
                 Agora eres canzón de ronda eterna
                 que se repón á morte e remanece
                 no ronsel do teu pulso polifónico,
                 nos ecos que devolve o teu falar,
                 dos “señores da terra” na memoria.
                 Eres canzón da fonte das galaxias
                 pra unha Galiza que te dou no tarde,
                 alongando no tempo a súa voce
                 para a deixar na túa mesturada,
                 de sorte a ser hora tras hora ouvida
                 na lira das estrelas
                 polos que somos sombra dos camiños.
            Cen chaves de sombra constitúe o testamento lírico dun loitador. Segundo o seu prologuista Lorenzo Varela, trátase dunha poesía cívica na corrente de Curros e de Pondal. Coido eu que algo máis próxima á do propio Lorenzo Varela; non tanto, sobre todo no contido, á poesía social de Celso Emilio e moito menos, sequera formalmente, á de Luís Seoane.

                                              Xesús Portas Ferro

           
           
BIBLIOGRAFÍA UTILIZADA

CALVO, TUCHO, (A memoria): Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX,  Biblos Clube de Lectores S. L., Cesuras, 2011 [Ediciós do Castro, 1998].
LÓPEZ GARCÍA, XOSÉ (ed.), SECCIÓN DE COMUNICACIÓN DO CCG, (O alento): O xornal Galicia (1922-1926). O alento da modernidade, Consello da Cultura Galega, Promocións Culturais Galegas S. A., Vigo, 2003.
MÉNDEZ FERRÍN, X. L., (Ferrín): De Pondal a Novoneyra, Xerais, Vigo, 1984.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Anunciación):  La anunciación de Valle-Inclán, Akal, Madrid, 1981 [Buenos Aires, 1967].
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Sementeira):  Sementeira do vento, Galaxia, Vigo, 1968.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (A galecidade):  A galecidade na obra de Guimarães Rosa, Ediciós do Castro, Sada, 1978.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Cen chaves): Cen chaves de sombra, Ediciós do Castro, Sada, 1979.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Castelao):  Castelao na luz e na sombra, Ediciós do Castro, Sada, 1982.
PAZ-ANDRADE, VALENTÍN, (Imaxe):  Galiza lavra a sua imagen, Ediciós do Castro, Sada, 1985.
PORTELA YÁÑEZ, CHARO e DÍAZ PARDO, ISAAC (editores), (Epistolario): Valentín Paz-Andrade. Epistolario, Ediciós do Castro, Sada, 1997.
VV. AA., ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS, (Homenaxe):  Homenaje a Valentín Paz Andrade, Diputación Provincial de Pontevedra, Vigo, 1991.



Sem comentários:

Enviar um comentário